A folla de ruta 2026-2029 inclúe axudas para contratar substitutos en microempresas, un coordinador de reincorporación e un reforzo sanitario de 26 millóns.
O Consello da Xunta deu luz verde ao Plan Integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029. A iniciativa está dotada con 45 millóns de euros e despregará 37 medidas estruturadas en tres eixes principais: a prevención, a axilización dos trámites no ámbito sanitario e a corresponsabilidade entre empresas e traballadores. O documento nace do acordo acadado no marco do Diálogo Social entre o Executivo autonómico, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e UGT-Galicia..
A urxencia da medida ven marcada polas cifras do mercado laboral galego: segundo expuxo o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, Galicia ocupa a segunda posición de España en ausencias ao traballo, cun impacto económico estimado nuns 2.000 millóns de euros anuais. Durante a presentación, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aclarou que o plan non cuestiona o dereito dos traballadores con baixas a permanecer incapacitados ata a súa recuperación, pero advirtiu de que o absentismo está afectando nas empresas e defendeu a necesidade de actuar sobre as causas evitables.
Acompañamento voluntario e axudas para microempresas e autónomos
Entre as principais novidades figura a creación da figura do coordinador ou coordinadora de reincorporación, un mecanismo piloto de acompañamento voluntario para axudar ao traballador no proceso de regreso e evitar posibles recaídas. Este profesional coordinarase coa empresa e os servizos de prevención sen ter acceso á historia clínica nin interferir nas decisións dos sanitarios. De forma paralela, poñerase en marcha a Fiestra Única Galega de Saúde Laboral e Apoio á Reincorporación Saudable, un servizo público e gratuíto de diagnose, asesoramento, formación e tramitación de axudas.
Para o tecido produtivo, o plan contempla liñas directas de apoio económico:
- Contratación de substitutos: Subvencións a microempresas e traballadores autónomos para contratar persoal de substitución durante incapacidades temporais de longa duración.
- Adaptación de postos e ergonomía: Financiamento de ferramentas, equipamentos e material ergonómico previa avaliación de necesidades.
- Programa ‘Coida Peme’: Servizo permanente de atención psicolóxica e musculoesquelética de acceso voluntario e confidencial para os persoais das Pemes.
Reforzo do sistema sanitario con 26 millóns de euros
O segundo gran bloque do programa desenvolverase no ámbito sanitario cun investimento de 26 millóns de euros. Entre as actuacións previstas inclúese a creación de unidades especializadas para patoloxías musculoesqueléticas e psiquiatría menor, a integración da historia laboral na historia clínica e medidas para reducir as cargas administrativas dos sanitarios.
Estas accións complementan o plan activado pola Consellería de Sanidade en 2024, que xa incorporou 18 novos profesionais á inspección médica e habilitou a emisión de partes de baixa desde os servizos de admisión hospitalaria para pacientes ingresados con cirurxía programada. En todo caso, a Xunta subliñou que as altas e baixas seguirán sendo decisións estritamente clínicas.
No ámbito da corresponsabilidade, a Xunta remitirá ás persoas en incapacidade temporal unha carta divulgativa sobre os seus dereitos e deberes, e elaborará un protocolo fronte a posibles abusos baseado en indicios obxectivos e avaliacións individualizadas para evitar a estigmatización. A avaliación das medidas contará con tres órganos de seguimento: a Mesa Galega Permanente de Coordinación Operativa, o Observatorio Galego de Benestar Laboral e Incapacidade Temporal e unha Comisión de Seguimento Tripartita.






