O presidente de Conxemar, Eloy García, formula a petición na apertura do Congreso Internacional Conxemar FAO MAPA, onde a Xunta reclamou cláusulas espello e a Secretaría Xeral de Pesca defendeu a rendibilidade do sector.
A industria pesqueira demandou ter representación e voz directa na elaboración das políticas europeas desde o momento do seu deseño e non únicamente a posteriori. A reivindicación foi formulada polo presidente de Conxemar, Eloy García, durante a apertura do XIV Congreso Internacional Conxemar FAO MAPA, que se celebra na sede de Afundación en Vigo baixo o lema Smart blue leadership. Eficiencia, intelixencia e estándares globais para unha industria comprometida.
O evento, organizado por Conxemar coa colaboración da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), contou coa ausencia do ministro Luis Planas, quen cancelou a súa axenda e a presidencia da apertura tralo anuncio da convocatoria de eleccións xerais.
Durante o foro, a conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Marta Villaverde, reclamou a inclusión de cláusulas espello para competir dentro duns marcos de xogo xustos. Pola súa parte, a secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime, salientou que é momento de situar a rendibilidade económica dos pescadores, transformadores e do resto da cadea mar-industria no centro das políticas públicas.
Entre os actos do programa incluíuse unha mesa redonda dedicada á aplicación da intelixencia artificial e a trazabilidade dixital. O debate, moderado polo director da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, Xosé Luís Vilela, contou coas intervencións de Mark Kaplan (responsable de Better Food Future), Kevin Edwards (vicepresidente de Desenvolvemento Global de Mercados en Global Dialogue on Seafood Traceability), Carolina Najar (directora de Mercado de Alimentación no centro tecnolóxico AZTI) e a ministra de Pesca e Recursos Mariños da República de Angola, Carmen do Sacramento Neto.






