A orquestra Panorama anunciou o seu calendario de concertos para o mes de outubro de 2026, co que pechará definitivamente a súa xira ‘Time Tour 2026’ e se despedirá dos escenarios ata o verán de 2027. A orquesta ofrecerá un total de 19 actuacións ao longo de 31 días, percorrendo o territorio galego e outras seis comunidades autónomas.
Dentro do territorio galego, a orquestra realizará unha única parada e o municipio escollido foi Lugo, coincidindo coas festas do San Froilán. Este concerto terá lugar o luns 12 de outubro.
Ademais da cita lucense, o itinerario de despedida da Panorama estenderase por Madrid, Castela e León, Castela-A Mancha, Murcia, Comunidade Valenciana e Euskadi.
A Comunidade de Madrid e a Comunidade Valenciana concentran o maior número de concertos da xira, con cinco paradas cada unha.
En Madrid actuarán en Las Rozas (1 de outubro), Torrejón de Ardoz (2 de outubro), Leganés (4 de outubro), Camarma de Esteruelas (10 de outubro) e na Comunidade de Madrid o 15 de outubro.
Por outra banda, na Comunidade Valenciana a banda actuará en Nules (8 de outubro), Sagunto (9 de outubro), Onda (20 de outubro) e na provincia de Alacante (21 de outubro).
En Castela e León teñen programadas dúas actuacións: en Palencia o 3 de outubro e en Olmedo (Valladolid) o 11 de outubro.
A axenda completa das 19 datas inclúe tamén concertos en Olías del Rey (Toledo) o 5 de outubro, Torre-Pacheco (Murcia) o 6 de outubro, Sigüenza (Guadalaxara) o 16 de outubro, Zamudio (Bilbao) o 18 de outubro, Hellín (Albacete) o 24 de outubro, Valdepeñas (Ciudad Real) o 30 de outubro e Tarancón (Cuenca) o 31 de outubro.






