Home / Actualidad / A xuíza admite a querella contra o alcalde de Muras por presunta prevaricación polos 387.805 euros pagados a despachos afíns ao BNG

A xuíza admite a querella contra o alcalde de Muras por presunta prevaricación polos 387.805 euros pagados a despachos afíns ao BNG

O Tribunal de Instancia de Vilalba pide ao Concello todos os contratos, facturas e informes de intervención dende 2015 sobre Stellgus SL e Leseo Bufete Legal SCP, mentres o caso alimenta o choque político entre PP e BNG

Muras, 24 de setembro. A xustiza deu un paso adiante na investigación sobre a xestión económica do Concello de Muras. A titular da praza número 2 da Sección Civil e de Instrución do Tribunal de Instancia de Vilalba admitiu a trámite a querella presentada polo PP de Muras a mediados de xullo contra o alcalde nacionalista, Manuel Requeijo, por un presunto delito continuado de prevaricación administrativa.

A investigación xudicial céntrase en determinar se o rexedor vulnerou os límites do contrato menor, ignorou as advertencias da intervención municipal e abonou con cartos públicos 387.805 euros a distintas firmas de avogados afíns ao BNG durante os últimos dez anos.

As dilixencias ordenadas pola xuíza

Nun auto ditado o 4 de agosto e notificado recentemente ás partes, o xulgado ordenou unha primeira batería de dilixencias. A maxistrada require ao Concello que certifique todos os contratos e expedientes tramitados entre 2015 e 2026 coas sociedades Stellgus SL e Leseo Bufete Legal SCP. O consistorio deberá enviar tamén a relación completa das facturas presentadas por ambos os despachos, con indicación dos contratos aos que corresponde cada unha.

A resolución esixe ademais que o Concello informe sobre os informes de intervención, reparos suspensivos, informes de fiscalización previa ou calquera outro ditame emitido en relación cos contratos e coas facturas no período sinalado. Coas dilixencias búscase aclarar se os pagos respondían a contratos diferenciados ou a unha mesma asistencia xurídica continuada. A xuíza pediu ademais ao Rexistro Mercantil a composición societaria oficial de ambos os despachos.

Sospeitas de fraccionamento e igualas por riba do límite legal

Segundo a querella, Stellgus SL e Leseo Bufete Legal SCP estarían integradas por profesionais coincidentes. Isto apuntaría ao uso de persoas xurídicas vinculadas para presentar como separados pagos que responderían a unha mesma prestación de servizos xurídicos ao Concello.

O PP de Muras sinala que estes bufetes facturaron durante anos unha iguala mensual, unha contía fixa pola asistencia xurídica, usásese ou non, que superou de forma reiterada os límites legais do contrato menor. Ese límite estaba fixado en 18.000 euros máis IVE e reduciuse a 15.000 tras a reforma legal de 2018.

Aínda que a normativa obriga a licitar os servizos que superen eses importes, a denuncia subliña que non consta ningún contrato que amparase a prestación máis alá do contrato menor. Acusa ademais o alcalde de ser consciente das anomalías, ao levantar os reparos suspensivos do interventor municipal para ordenar os pagos. Entre os abonos sometidos a exame figuran pagos anuais a Leseo de 22.687,5 euros en 2019 e 2022, e de 27.225 euros en 2020-2021 e entre 2023 e 2025.

Conexións políticas

A denuncia sinala directamente Stellgus SL, Leseo Bufete Legal SCP e a avogada Montserrat Calvo Ríos, administradora da primeira e sociaa da segunda, que ademais percibiu preto de 23.000 euros a título individual entre 2023 e 2025. Calvo Ríos é a parella de Fernando de Abel Vilela, asesor legal de Adega e candidato do BNG á Vicevaledoría do Pobo.

Nunha das sociedades figura tamén o letrado Óscar Insua Lema, extenente de alcalde en Corcubión e actual deputado autonómico do BNG, que vendeu a súa participación ao acceder ao Parlamento. A letrada que asumiu a parte de Insua, María Concepción García Calvo, asinou recursos xudiciais contra autorizacións de parques eólicos en representación de Adega.

Choque político en Galicia

O caso de Muras, un concello de 577 habitantes no que se cuestiona o desembolso de máis de 387.000 euros e o uso dos recursos do canon eólico municipal para sufragar estes despachos, provocou un intenso enfrontamento político. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, cualificaron de «preocupante» a contía investida e defenderon que a Xustiza o aclare. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou o PP dunha «cacería política» pola resistencia do municipio fronte ás empresas eléctricas.

Etiquetado:

Deje un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *