A artista galega presentou o espectáculo ‘Oníricos e outros delirios’, unha proposta en formato trío que pasará polo Café Auriense e a Sala Riquela con aforos moi reducidos.
As entradas para Oníricos e outros delirios, o novo espectáculo de Guadi Galego, xa se atopan dispoñibles na plataforma enterticket.es. A proposta aposta por un regreso ás salas pequenas para ofrecer unha experiencia máis próxima e recuperar a conexión directa co público, contando cun aforo moi reducido.
Os concertos celebraranse en formato trío e terán lugar o 13 e 14 de novembro no Café Auriense de Ourense e o 3 e 4 de decembro na Sala Riquela de Santiago de Compostela. Neste espectáculo, a cantante interpretará as cancións do seu último traballo discográfico, Pélago. Contos oníricos, ademais de repasar algúns dos seus grandes éxitos e temas que nunca antes presentou en directo.
Unha traxectoria de referencia na música galega
Compositora, intérprete e produtora, Guadi Galego está considerada unha das figuras máis relevantes e influentes da música galega contemporánea. A súa carreira caracterízase pola conexión entre a experimentación e a tradición, poñendo o foco na emoción e a honestidade.
Tras os seus comezos como integrante de Berrogüetto, unha das bandas máis importantes do folk galego, participou en proxectos colectivos de referencia como Nordestin@s (xunto a Abe Rábade e Ugia Pedreira) e aCadaCanto (con Guillerme Fernández, Xabier Díaz e Xosé Lois Romero). Na súa traxectoria destacan ademais recoñecementos como a consideración aos Latin Grammy ou o premio ao Mellor Grupo Folk Europeo.
Colaboracións e recoñecementos á súa carreira
No seu percorrido en solitario, a artista construíu un espazo para o desenvolvemento de novas sonoridades na canción galega e o encontro interxeracional do talento. Ao longo dos últimos anos colaborou con voces de relevancia como Iván Ferreiro, Vega, Andrés Suárez, Tanxugueiras e Xabier Díaz, entre moitas outras.
Esta traxectoria foi distinguida con galardóns como o Premio da Crítica de Galicia, diversos Premios Martín Códax da Música, o Premio á Promoción da Realidade Pluriligüe do Estado e o Premio Rebulir da Cultura Galega, os cales reafirman a súa posición como unha das voces máis inspiradoras da cultura galega contemporánea.






