A cidade de Vigo acollerá entre o 6 e o 27 de outubro a cuarta edición do festival MusicaV, un ciclo promovido polo proxecto cultural Vitruvia que ofrece seis noites de concertos combinando jazz, música clásica e cine mudo con banda sonora interpretada en directo. As propostas repartiranse entre o Auditorio Afundación e o Vitruvia Club co obxectivo de romper as barreiras entre estes xéneros e o público xeral, sen renunciar ao espectador máis especializado.
Programación
O festival comeza o 6 de outubro no Auditorio Afundación coa actuación da Savoy Club Big Band e o seu espectáculo Antología del bolero. Esta formación de latin jazz, dirixida por José Somoza, reúne a catro trompetas, catro trombóns, cinco saxofóns, piano, contrabaixo, tres percusionistas e tres cantantes vinculados ao jazz galego e a orquestras de referencia na comunidade.A
A programación continuará o 8 de outubro no Vitruvia Club cun recital a piano solo do músico galego Abe Rábade. Seguidamente, o 13 de outubro, o Auditorio Afundación recibirá a Sumrrá Trío (integrado por Manuel Gutiérrez, Xacobe Martínez Antelo e L.A.R. Legido), que celebrará no festival o seu 25 aniversario.
O 21 de outubro, o Auditorio Afundación acollerá unha das citas máis singulares do certame: a proxección do clásico do cine mudo Metrópolis (1927), de Fritz Lang, cuxa banda sonora será interpretada en directo polo Caspervek Ensemble. Tan só un día despois, o 22 de outubro, a formación Julia Perminova Trío ofrecerá o seu concerto de jazz en formato de trío (piano, contrabaixo e batería) no Vitruvia Club.
Para finalizar o festival, no Auditorio Afundación entre o 26 e o 27 de outubro será o concerto de Vitruvia Art Strings & David Linx. Este espectáculo, titulado A Song for Europa, presentará en exclusiva unha obra orixinal encargada e composta por Alberto Conde e José Valente, inspirada en cinco grandes emblemas culturais europeos e que contará coa voz do vocalista belga David Linx.
Entradas, abonos e compromiso educativo
As entradas para os concertos programados no Auditorio Afundación teñen un prezo de 16 euros (máis 1,60 euros de gastos de xestión). A organización ofrece tamén un abono especial para os catro concertos deste espazo por 56 euros (máis 5,60 euros de xestión), o que supón un aforro de 8,80 euros respecto á compra individual. Os pases poden adquirirse a través das canles oficiais en liña.
Dende a organización de MusicaV queren mostran o seu interese en contribuír a dar visibilidade aos proxectos culturais vinculados á cidade e achegar estas disciplinas ás xeracións máis xoves, mostrando a música como un espazo de formación e desenvolvemento profesional.






