O presidente da Xunta pon a Galicia como modelo de estabilidade e agradece a colaboración do Goberno na chegada da automobilística SAIC, ao que Sánchez respondeu que foi «máis que colaboración».
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, reivindicou a capacidade e a voz das comunidades autónomas para contribuír á resolución dos grandes retos globais durante a inauguración do ‘Foro La Toja, Vínculo Atlántico’. O acto apertura contou coa participación do presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, e do rei Felipe VI.
Durante a súa intervención, Rueda defendeu a necesidade de que as administracións locais e rexionais formen parte activa dos debates e do deseño das solucións globais, ao considerar que é nos ámbitos máis próximos onde se aplican en primeiro lugar. Neste sentido, puxo a Galicia como modelo de estabilidade política, seguridade xurídica e moderación, poñendo como exemplo a capacidade de acadar consensos en asuntos clave como o pacto polo galego asinado co PSdeG.
Autonomía estratéxica, intelixencia artificial e vivenda
O presidente galego fixo fincapé no liderado da comunidade ao dotarse da primeira lei europea para regulamentar a intelixencia artificial, así como na súa achega á autonomía estratéxica europea. A este respecto, lembrou que máis do 80 % da produción enerxética galega procede de fontes renovables e que o territorio alberga 18 dos 34 materiais calificados como críticos pola Unión Europea.
No ámbito socioeconómico, Rueda salientou a aposta do seu Goberno pola construción de vivenda pública e a atracción de grandes inversións industriais, entre as que citou o proxecto da futura fábrica do xigante da automoción SAIC. Durante o discurso, o titular da Xunta agradeceu a colaboración do Executivo central para a chegada desta multinacional asiática. Ademáis, apelou aos valores de respecto, convivencia e diálogo vinculados ao Camiño de Santiago ante a cita do próximo Xacobeo 2027.
Para concluír a súa intervención, Rueda felicitou ao expresidente de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, galardoado co Premio Foro La Toja – Josep Piqué, a quen definiu como un «exemplo de político con maiúsculas» e un símbolo do país veciño.






