Home / Actualidad / A traxedia ferroviaria de Toledo deixa máis de 60 mortos e conmociona a Galicia, que rende homenaxe ás vítimas

A traxedia ferroviaria de Toledo deixa máis de 60 mortos e conmociona a Galicia, que rende homenaxe ás vítimas

O choque entre un AVE e un Iryo no municipio de Urda dexa polo menos 68 mortos. Os concellos e institucións galegas gardan minutos de silencio coa memoria do accidente de Angrois moi presente

O sistema ferroviario enfróntase a unha das súas maiores traxedias trala colisión rexistrada na mañá de onte mércores entre dous trens de alta velocidade na liña Madrid-Sevilla, á altura da localidade toledana de Urda. O impacto entre un convoi de Renfe e outro de Iryo saldouse con polo menos 68 persoas falecidas —44 no Iryo e 24 no AVE— e 53 feridos hospitalizados, entre os 544 pasaxeiros que viaxaban a bordo de ámbalas dúas composicións. O accidente motivou unha vaga de solidariedade en Galicia, onde numerosos concellos gardaron minutos de silencio este mércores e cuxas principais institucións teñen programados novos actos de homenaxe para a mañá deste xoves.

Amplo dispositivo de emerxencias e suspensión da alta velocidade

O Goberno de Castilla-La Mancha activou o Plan Territorial de Emerxencias (Platecam) no que participan máis de 200 efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) e 400 axentes da Garda Civil, xunto a profesionais sanitarios e bombeiros. Polo momento recolléronse máis de medio cento de corpos no Instituto de Medicina Legal de Toledo. A Garda Civil habilitou oficinas en Madrid, Sevilla, Córdoba e Toledo para a atención a familiares e a toma de mostras de ADN co fin de acelerar as tarefas de identificación.

Debido aos danos na infraestrutura, a circulación de alta velocidade entre Madrid e Andalucía permanece suspendida. As compañías Renfe e Iryo activaron plans de asistencia e teléfonos de atención aos afectados (900 10 10 20 e 900 001 403, respectivamente).

A investigación céntrase nun fallo do sistema e un posible erro humano

O choque produciuse ás 8:53 horas no punto quilométrico 118 da liña de alta velocidade, entre os municipios de Mora, Orgaz e Urda. O convoi Iryo 6076 saíra de Atocha ás 7:54 horas con 146 pasaxeiros, un bebé e cinco tripulantes, mentres que o AVE 2080 de Renfe partira ás 8:00 horas con 397 viaxeiros a bordo.

Segundo os primeiros datos, a orixe do sinistro atópase nunha avaría do sistema de seguridade LZB que provocou a parada de seis trens na zona. Seis minutos despois do fallo, o centro de control pasou a xestión manual e autorizou a reanudación da marcha. A pesar de recibir orde para continuar, a maquinista do Iryo comunicou que permanecía detida. Por causas que se investigan, o convoi de Renfe avanzou 25 quilómetros durante 17 minutos ata colisionar co Iryo parado.

Galicia móstrase conmocionada e convoca novos minutos de silencio este xoves

A traxedia de Toledo causou unha profunda consternación en Galicia, onde a lembranza do accidente do Alvia ocorrido en Angrois no ano 2013 volveu estar moi presente.

En Santiago de Compostela, decenas de persoas concentráronse onte ás 20:00 horas ante o Pazo de Raxoi. A concentración contou coa presenza de varios conselleiros do Goberno autonómico, do delegado do Goberno, Pedro Blanco, da voceira do BNG, Ana Pontón, e da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, entre outros representantes políticos e académicos. Así mesmo, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou no minuto de silencio en Pontevedra e o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, fixo o propio en Lugo.

Para esta mañá de xoves teñen lugar novas mostras de loito e homenaxe. Ás 12:00 horas están previstos minutos de silencio na sede do Parlamento de Galicia, no complexo administrativo da Xunta en San Caetano —coa presenza do presidente Alfonso Rueda e membros do Executivo— e na Delegación do Goberno na Coruña. Pola súa parte, o comité de empresa de Renfe convocou cinco minutos de silencio en todas as estacións de tren da comunidade galega.

Etiquetado:

Deje un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *